Silleda, 30 de xuño de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, mantivo esta mañá na Fundación Semana Verde de Galicia un encontro co xerente desta institución, Ricardo Durán, para presentarlle a Proposta de Convenio de Colaboración entre ambas institucións para a realización de actividades culturais e de ocio nas instalación do recinto feiral.
“Nesta nova xuntanza tratamos xa de ultimar os detalles do acordo, que agardamos poder asinar en breve”, sinala Cuiña.
O alcalde e o xerente acordaron tamén habilitar xa un local de ensaio para que a Banda Municipal de Silleda e a comunidade da Escola Municipal de Música de Silleda poidan realizar os ensaios, mentras non se resolva a nivel administrativo o traslado da citada escola ás instalación da Fundación Semana Verde.
“Agardamos que en breves datas xa poidan dispoñer a diario deste local para efectuar os ensaios pertinentes, e así aliviar os problemas de falta de espazo, en canto non se resolva, mediante o outro convenio que temos pendente, o traslado definitivo da escola de música”, explica o rexedor.
Na proposta de convenio de colaboración, no que xa se vén traballando nas últimas semanas, establécense as condicións para celebrar nas dependencias do recinto feiral actividades culturais e lúdicas organizadas dende o Concello.
A cambio, dende o Concello prestaranse servizos á Fundación Semana Verde, como xa se fixo na última gran feira do recinto, como limpeza viaria, desbroces, ou outros. “Ao igual que ocorreu neste mes coa celebración da Semana Verde, dende o Concello continuaremos prestando a colaboración que se nos requira nos eventos e certames que organice a Semana Verde”, sinala o alcalde, destacando que “a colaboración é o camino a seguir neste e noutros ámbitos”.