Silleda, 27 de xaneiro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, presentou esta mañá ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, o anteproxecto do futuro Centro de Día Residencial.
No encontro, no que Cuiña estivo acompañado pola responsable municipal de Benestar Social, Pili Peón e ao que tamén asistiu o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o alcalde silledense explicoulle ao conselleiro as liñas básicas deste ansiado centro, que se construirá na parcela municipal situada xunto ao recinto feiral.
Cuiña detallou ao conselleiro o “esforzo inversor que está a realizar o Concello de Silleda con esta actuación, para que este ano se conta con 700.000 euros, todo de fondos propios agás os 200.000 euros que recibimos grazas á xenerosidade e altruismo do empresario Don Avelino Ramos”, explica.
Ademais de cuestión relativas á financiación, na reunión tamén se abordaron cuestión relativas á futura xestión do Centro , “que serán analizadas por parte dos técnicos”, explica o alcalde.
O alcalde agradece o recibimento ao conselleiro de Política Social, “que nos felicitou por contar xa con esta partida importante para iniciar as obras e se comprometeu a estudiar o proxecto en profundidade para establecer posibles liñas de colaboración”, indica Cuiña.
O alcalde lembra que polo nivel de envellecemento, tal e como apuntou Rey Varela no encontro, Silleda se atopa nunha zona prioritaria na prestación de servizos coma este.
Estímase que o proxecto de execución da obra estará listo a principios do vindeiro mes de marzo “ e a partir comezaremos a traballar xa na licitación da obra, ao tempo que estudiamos xunto coa Consellería de Política Social a mellor fórmula posible para a xestión do Centro de Día Residencial de Silleda”, engade Cuiña reiterando o seu agradecemento ao conselleiro.