Manuel Cuiña propón ao Padroado da Fundación Semana Verde o uso compartido do auditorio entre o Concello e a entidade

Silleda, 30 de decembro de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, formulou na última sesión do padroado da Fundación Semana Verde de Galicia, celebrada onte unha proposta para a cesión do uso do auditorio do recinto ao Concello de Silleda.

“O Concello tería o uso compartido destas instalacións compartido xunto coa Fundación Semana Verde, propietaria das mesmas, de tú a tú”, explica Cuiña. Deste xeito, a entidade municipal pasaría a contar cunhas instalacións na vila axeitadas para a realización de distintas actividades culturais e actuacións.

A cambio, o Concello de Silleda comprometeríase a realizar as dotacións técnicas necesarias (relativas á instalación de equipamento de luz, son…) para adaptar este auditorio, con máis de 600 butacas, ás distintas actuacións de tipo musical, teatral… “As arcas municipais financiarían o 100 por cen deste investimento para adaptar as magníficas instalacións deste auditorio”, engade o alcalde.

De formalizarse este acordo, o Concello de Silleda contaría de xeito continuado cunhas instalacións axeitadas para a realización de actividades culturais. A día de hoxe, o Concello ven utilizando estas e outras instalacións do recinto Feira Internacional en virtude do acordo de colaboración asinado coa Fundación Semana Verde en setembro de 2014, con dous anos de duración e prorrogable por outros dous.

“Entendemos que se trata dunha proposta moi beneficiosa para todos os veciños e veciñas de Silleda”, remarca o alcalde, que lembra que hai certas actividades que a día de hoxe non se adaptan as instalacións municipais disponibles a día de hoxe na Casa da Cultura.

 

Cuíña lembra as boas relacións entre o Concello e a Fundación, que ademais deste convenio de colaboración asinaron o histórico acordo de compensación de débedas.

“Esta é unha proposta que en principio  o padroado acolleu de bo grado”, indica Cuiña que avanza que nos vindeiros días está previsto que den comezo as negociacións coa dirección da fundación, pendentes tamén da análise por parte dos respectivos servizos xurídicos da Xunta e do Concello.