Silleda, 16 de setembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, recibiu na sala de xuntas do Concello ao equipo que formará a comisión de Festas de Verán de Silleda do vindeiro ano 2015, que se celebrarán a mediados de xullo. O equipo está integrado por empresarios da localidade. Así, a organización correrá a cargo de Antonio Rodríguez Loureiro, José Raúl Sanmartín Chao, José Luis Val Diéguez, José Antonio Soto Rozados, Manuel Taboada Ínsua e Laura Montoto Montoto.
Cuíña, que tamén estivo acompañado no encontro polo tenente de alcalde, Klaus Brey e polo concelleiro Luis Rodríguez, felicitou ao grupo por “facerse cargo de unha encomenda que nos últimos anos se viña resistindo”, engade. O alcalde tamén amosou o seu agradecemento “a este grupo de veciños que se puxo ao frente dos festexos de verán”.
Así mesmo, o rexedor lembra que neste ano o Concello se fixo cargo dos festexos. “Non só organizamos o programa festivo nun tempo récord, senon que tamén fixemos a liquidacións das contas en tempo récord, algo que propiciou que agora contemos con unha comisión creada con tempo de antelación suficiente para traballar”, engade.
Cuiña, que reitera o agradecemento ao grupo, amosou nesta primeira reunión a súa vontade de “máxima colaboración” co grupo. “Se continuamos o vindeiro ano no goberno terán o noso total apoio, e agardamos que se non é así, tamén o teñan por parte do goberno que corresponda”, engade.
A comisión xa está a realizar actividade como a venda de lotería de Nadal. Durante o encontró no Concello o grupo amosou a súa “ ilusión pola nosa parte e pola de moitos veciños que xa están a colaborar, para organizar con tempo suficiente as Festas de Verán”. Tamén avanzaron que xa iniciaron os trámites para constituir unha asociación, que continuará organizando distintas actividades nos vindeiros meses. “Ante a boa acollida desta iniciativa por parte do Concello e dun bo número de silledenses, xunto coa Asociación Cultural do Lacón, buscamos retomar a tradición de antano de ter unhas festas con actividades diurnas e nocturnas para todos os públicos e idades”, engaden