Maria Carmen Jubín Montoto, premiada co vale de 500 euros do programa Silleda 10

 

Silleda, 25 de marzo de 2013. A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, entregoulle hoxe o gran premio da campaña Silleda 10 a  María Carmen Jubín Montoto, veciña de Rosende, na parroquia de Ponte. No sorteo realizado o pasado sábado saiu elixido o resgardo da sua compra, realizada en Eyo Flor, un dos 54 establecementos que participaron no programa.

Mª Carmen Jubín, que acudiu a recoller o premio acompañado do seu home (Manuel Gómez), disporá de 10 vales de compra de 50 euros cada un para mercar nos establecementos silledenses. A premiada amosou a súa satisfacción e agradecemento ao comercio local. Na entrega participou tamén Victoria Eyo, comerciante que lle entregou a rifa á agraciada.

Pola súa banda, Paula Fernández Pena, tamén reiterou o seu agradecemento ao sector comercial e hostaleiro de Silleda pola súa implicación na primeira edición de Silleda 10, e avanzou que está previsto convocar unha xuntanza para despois da Semana Santa cos establecementos participantes para facer unha valoración da iniciativa e establecer aspectos a mellorar de cara a edicións vindeiras.

No sorteo celebrado o pasado sábado tamén se concederon outros 11 galardóns. Os premiados foron Maribel Vilar (revisión pre ITV en Talleres Barrio), por unha compra realizada en Carnicería Cuíña; Celia Rodríguez (lote produtos de Disiclín) tamén por comprar en Carnicería Cuíña; Isabel Costoya (produtos Disiclín), que mercou en Droguería Luisa; Carlos Pérez (revisión Pre ITV en Talleres Taín), mercou en Viveros Verdecer; Dolores Muíños (revisión Pre ITV en Talleres Carbón), que mercou en Carnicería Cuíña; Ana Filloy Castro (autolavados en Estación de Servicio Silleda), mercou en Carmiña Moda; Carlos Faílde (revisión Pre ITV en Neumáticos Tato), que mercou en Televideo Bandeira; Ana Codesido (revisión Pre ITV en Talleres Sixto), que mercou tamén en Televideo Bandeira; Inés González (autolavados en Estación de Servizo Silleda), que realizou unha compra en Mercería Sonia; Gonzalo (produtos Disiclín) que mercou en Garmal Moda; e Roberto Varela, (revisión en Talleres Darío), por unha rifa no restaurante O que dirán.