Silleda, 8 de novembro de 2016. O teatro toma o relevo na programación cultural de Silleda para este mes de novembro. Así, este domingo día 13 terá lugar na Casa da Cultura de Silleda a obra “As bágoas do demo: o casting”, baseada na obra de Ramón de Valenzuela.
A cita será ás 19:00 horas, con entrada libre.
Esta montaxe é a terceira do grupo Medias Verdes Teatro, creado hai tres anos na Bandeira, e que se estreou o pasado mes de xuño no Festival de Teatro Rural da localidade.
Maís dunha ducia de actores e actrices, baixo a dirección de Cristina Collazo, poñen en escea o cásting no que se convirte esta versión contemporánea de As bágoas do demo de Valenzuela, unha recreación que deixa aos espectadores interpretar libremente o texto.
O grupo Medias Verdes Teatro creouse hai tres anos contando con novas incorporacións nos últimos meses. “Estamos iniciando o curso e nos vindeiros meses comezaremos a preparar novas pezas”, indica a directora e mestra do grupo. As bágoas do demo: o casting, súmase ás outras dúas representacións do grupo, que se estrearon con A Feira da Bandeira e continuaron o pasado ano con outra versión, neste caso da célebre “Os vellos non deben namorarse”, de Castelao.
“Apostamos polas obras relacionadas co mundo rural, realizadas por autores e autogas galegas”, indica Cristina Collazo, que tamén se encarga de dirixir ao grupo infantil de Medias Verdes.
Mañá, Cándido Pazó en Cira
Por outra banda, mañá mércores na XXXIX Semana Cultural de Cira actuará Candido Pazó, co seu monólogo Candideces.