Silleda, 11 de agosto de 2016. O xefe do Distrito Forestal Deza-Tabeirós, Santiago Carballo, mantivo na mañá de onte un encontro co rexedor do municipio trasdezá, co fin de expoñer unha serie de reformas a realizar na base situada en Cortegada para a mellora das instalacións.
Así, entre os traballos a realizar figura a substitución de todas as fiestras exteriores de madeira do local por outras máis herméticas, o levantamento dun tabique interior que separe o almacén da maquinaria da brigada forestal da zona común de estancia do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, actualmente asentado nas devanditas instalacións.
Outras das actuacións que se levarán a cabo serán substituír o sistema de iluminación interior do almacén e zonas comúns, así como pintar as dúas estancias. Os traballos culminarán coa substitución dos azulexos defectuosos situados nas paredes dos vestiarios.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, foi informado e dou o visto bo á execución das devanditas obras, que acometerá a Consellería de Medio Rural, e que non suporán gasto algún para o concello.