Transportes e Mobilidade colocou a petición do Concello unha zona cebreada na intersección da N-525 e o vial a Piñeiro para impedir estacionamentos que dificulten a visibilidade
O Ministerio de Transportes e Mobilidade vén de acometer novas melloras da seguridade solicitadas no seu día dende o goberno municipal. Entre estas melloras atópase o pintado dunha zona de cebreado con pivotes que impide o estacionamento nun pequeno tramo do arcén da N-525, xusto na intersección co vial municipal cara a Piñeiro.
“A presenza de vehículos estacionados neste punto dificultáballes a visibilidade ás persoas condutoras que se incorporaban á nacional, co que esta medida incidiriá nunha mellora da seguridade, tal e como lle solicitamos no seu día ao Ministerio”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.
A rexedora lembra que esta medida vén a completar outras peticións históricas como o cambio no pintado da N-640 á altura de Senra, en Escuadro, realizado nas últimas semanas.