Silleda, 7 de novembro de 2016. A Asociación da Comisión de Festas de Verán de Silleda deu a coñecer hoxe unha das súas principais iniciativas do calendario de actividades: a I Festa Gastronómica do Porco, que se estrenará en Silleda os vindeiros 10 e 11 de decembro. A cita culinaria, na que participan unha ducia de restaurantes da localidade, produtores de porcino e outros colectivos, celebrarase na rúa Pintor Colmeiro durante estas dúas xornadas.
Baixo unha carpa serviránse ao público milleiros de racións dos moitos ingredientes dun dos protagonistas induscutibles da gastronomía de inverno en Galicia. “Porque do porco, como é ben sabido, cómese todo”, indican dende a Comisión organizadora, que xa iniciou hai varias semanas a campaña promocional da festa con carteis que rezaban este lema.
Para a degustación prevénse realizar máis dunha ducia de produtos (morro, lingua, orella, chourizo, pagas, panceta, costela, lacón, xamón raxo…) que se despacharán coa venda de tickets na propia carpa. Ofertaranse o sábado á mediodía e á noite e o domingo só a mediodía. Tamen está prevista a celebración de actividades de animación que se irán dando a coñecer nos vindeiros días.
Neste evento gastronómico, que se suma á ampla oferta do municipio silledense participan os restaurantes A Moa, Casa de Xantar A Culler, Carballeira do Chousiño, Coteliño, Esther, González, Maril, O Rubio, Os Toneles, Ricardo, Trujillo e Hotel Vía Argentum.
“Temos depositadas moitas esperanzas e ilusións nesta festa que esperamos consolidar”, indicou Raúl Sanmartín, membro da comisión, que xunto co seu presidente, Antonio Rodríguez, indicou que coa iniciativa se busca contribuir á dinamización do pobo, atraendo a xente de toda Galicia, estimular a participación dos veciños e sumar esforzos entre os distintos colectivos, contando co apoio do Concello.
A festa servirá tamén para escenificar o grande peso que ten o sector porcino no municipio de Silleda, con numerosas explotacións.
Apoio dende o Concello
Na presentación, celebrada esta mañá na Sala de Xuntas da Casa do Concello, o alcalde, Manuel Cuiña e a concelleira Ana Luisa González Costa, amosaron o apoio do Concello de Silleda a uunha iniciativa “novidosa á que lle auguramos moito éxito”, indicou o rexidor.
Cuiña lembrou que xa na presentación da comisión de festas hai varias semanas “dixemos que teriamos sorpresas agradables con esta comisión de festas que é tamén sinónimo de futuro”, indicou.
Así mesmo, o alcalde silledense resaltou a importancia “que históricamente tivo e ten o porco nas nosas vidas”.