O Concello de Silleda, a través do programa Silleda Solidaria, acaba de iniciar unha nova campaña de recollida nos supermercados para surtir o banco de alimentos. Esta campaña levarase a cabo nos establecementos da Bandeira e de Silleda, onde xa se instalaron caixas para que os usuarios poidan depositar alimentos non perecedeiros. A campaña estará aberta ata mediados do vindeiro mes de maio.
Dende o programa Silleda Solidaria agradécese a colaboración de todos os veciños e veciñas que coas súas doazóns contribúen a aumentar as provisións do banco de alimentos, para o seu reparto entre as familias do municipio con menos recursos. Do mesmo xeito, tamén se agradece a colaboración e participación nesta campaña dos colectivos e asociación integrados no programa municipal Silleda Solidaria, que actúan como canalizadores dos avisos emitidos e tamén como detectores de posibles casos de axuda.