Silleda, 27 de outubro de 2016. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), iniciou hoxe as tarefas de limpeza e desbroce do entorno da Mámoa da Chousa Nova, na parroquia silledense de Abades.
Estas tarefas acométense logo do requerimento enviado dende o Concello de Silleda, para o necesario mantemento deste enclave cultural e turístico, presidido polo túmulo prehistórico, descuberto durante os traballos de excavación das obras da Liña de Alta Velocidade Ourense-Santiago.
Dende o Concello de Silleda agradécese que Adif asumirá estes traballos logo da petición formulada hai varias semanas e co visto da Dirección Xeral de Patrimonio, da Consellería de Cultura.
Dende o Concello de Silleda, que viña reclamando estas actuacións, vélase así polo coidado e mantemento deste recinto presidido pola cámara megalítica, a máis antiga de Galicia catalogada a día de hoxe.
Dende o Concello de Silleda estase valorando a posibilidade de plantexarlle ao Adif que inclúa a limpeza do entorno da Mámoa da Chousa Nova na planificación anual de mantemento deste organismo estatal, que realiza dúas veces ao ano a limpeza das vías.
Segundo as probas de carbono 14, realizadas pola USC, este túmulo megalítico foi levantado no ano 4.350 a.C, co que ten 6.400 anos de antigüidade, convertendose na máis antiga de Galicia das que hai catalogadas.