Silleda, 19 de novembro de 2016. O municipio de Silleda continúa afianzando a súa relación coa localidade francesa de Canéjan. Logo da visita do alcalde, Manuel Cuiña, e da concelleira Pili Peón o pasado mes de setembro a esta zona da Gironda (situada preto de Bourdeaux), o alcalde de Canéjan, Bernard Garrigou e unha delegación desta localidade estarán en Silleda durante a primeira fin de semana de decembro.
A delegación, formada por 8 persoas, chegará a Silleda o venres día 2, xornada na que xa se está a programar unha recepción na Casa Consistorial. Durante a fin de semana o grupo asistirá a diversos actos culturais, coma o concerto de Santa Cecilia na Bandeira, e visitará distintos enclaves e instalacións de interese.
“Aínda que é difícil ensinarlle en só dous días o que é Silleda, temos xa elaborada unha completa axenda para que en Canéjan coñezan os aspectos máis salientables do noso municipio”, indica Manuel Cuiña.
Así, está previsto visitar as instalacións da Escola de Música de Silleda, o recinto Feira Internacional de Galicia, unha explotación gandeira e unha queixaría tradicional. O mosteiro de Carboeiro, a Fervenza do Toxa e a Fervenza de Escuadro serán tamén destino da delegación de Canéjan no tocante á visita de lugares turísticos e patrimoniais, un dos puntos que comparten ámbolos dous municipios.
Na xornada do domingo día 4 está previsto asinar o xuramento de irmandade, un protocolo previo ao Irmandamento entre ambos municipios, logo de elevar a proposta ao pleno deste mes de novembro.
Deste xeito formalizarase a relación entre Silleda e Canéjan, cunha ampla experiencia en irmandamentos con localidades europeas. Entre as accións conxuntas figura á candidatura para o proxecto Europa con los ciudadanos, para o desenvolvemento de iniciativas con fondos europeos.
Ademais, Canèjan conta cunha ampla experiencia no ámbito dos irmandamentos, xa que dende o ano 2003, desenvolve proxectos comúns coa cidade de Poggio Mirteto (Italia). Neste segundo encontro continuarase avanzando na proposta de intercambio e concretaránse os temas prioritarios na relación dos dous municipios.