O alcalde de Silleda comprométese cos empresarios de Área 33 a construir un centro empresarial na mesma parcela onde se está levantando a nave municipal

Silleda, 14 de setembro de 2016.  O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, recibiu hoxe no Concello aos membros da directiva da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial Área 33, que solicitaron a xuntanza co rexedor para aclarar as discrepancias dos últimos días sobre a construcción dunha nave por parte do Concello na parcela número 26, de titularidade municipal.

O encontro rematou co compromiso por parte do goberno municipal de construir nun futuro nesta parcela un Centro Empresarial, de xeito que a nave municipal que se está a construir se integre no futuro completo.

Así, e logo das oportunas aclaracións, acordouse que a nave que se está a construir por parte do Concello continuará realizándose tal e como estaba previsto no correspondente proxecto, para dispoñer de distintos servizos municipais que son necesarios a día de hoxe, coma a custodia de maquinaria municipal.

O terreo restante da parcela, que conta con 1.874 metros cadrados de superficie e está catalogada como de uso dotacional, utilizarase mentres tanto como zona de aparcamento, para dar tamén servizo a usuarios e traballadores do polígono, mentres non se constrúa o Centro Empresarial. 

 

“O Concello asumirá a construcción do Centro Empresarial, que servirá como punto de reunión dos empresarios con servizos como unha cafetería-restaurante”, indica o alcalde, explicando que o goberno municipal  “intentará se é posible xa nesta mesma lexislatura acometer a construcción deste centro a través de distintas liñas de subvencións”, engade.

No encontro, que serviu tamén para pechar as desavenencias xurdidas nos últimos días, acordouse que este compromiso será trasladado á asamblea da Entidade Urbanística de  Conservación do Polígono Área 33 de Silleda, que se convocará en vindeiros días, segundo explicou o seu presidente, Juan Carballo.

Nesta asamblea o propio alcalde, Manuel Cuiña, explicará aos empresarios e propietarios de Área 33 o compromiso adquirido hoxe.

Polémica zanxada

Por outra banda, logo da tensión dos últimos días e das manifestacións nos medios de comunicación, tanto o alcalde coma o presidente dos empresarios do polígono disculpáronse mutuamente e deron por zanxada a polémica en torno á parcela municipal.