Silleda, 28 de novembro de 2014. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, deu conta onte no Pleno, no turno de rogos e preguntas, da inclusión do Concello de Silleda dentro da Asociación de Municipios Afectados por Autopistas e Túneles de Peaxe. Este colectivo, creado o pasado mes de setembro, e do que Silleda é un dos 30 municipios fundadores, ten como finalidade defender os intereses das Administracións Locais en cuestións de fiscalidade ou outras problemáticas relacionadas coas vías de peaxe.
Cuiña, vogal da asociación, explicou que a iniciativa xurde ante o temor de que co rescate de concesións de algunhas vías de peaxe as entidades locais deixen de ingresar os tributos correspondentes a estas vías.
O alcalde sinalou que dende o Concello se fixo unha aportación inicial de 300 euros para esta entidade, que a través dun despacho de abogados, “o mesmo que conseguiu gañar o pleito ás eólicas, defenderá aos Concellos para que non deixen de percibir os ingresos”.
Cuiña explicou que “este non é o único obxectivo, xa que o primeiro actuación será buscar que se faga unha valoración catastral das autopistas como corresponde”, sinalou o rexedor.
Cuiña avanzou que tamén propuxo, no seo da primeira reunión celebrada en Madrid, que se estude a posibilidade de que a liña de pasaxeiros do ferrocarril de Alta Velocidade (AVE), “tamén pague o IBI aos municipios afectados, igual que as autopistas, porque estamos a falar dun servizo polo que lle cobran aos pasaxeiros. Se o logramos, no caso de Silleda sería unha gran noticia”.
A día de hoxe o Concello de Silleda ingresa polo capítulo de Bens de Características Especiais, un total de 269.912,06 euros, do que a grande maioría, 208.537,91 euros, corresponden aos ingresos do IBI da autoestrada AP-53.
“Perder estes ingresos sería moi perxudicial para as arcas municipais, por iso consideramos que esta decisión é beneficiosa, e debemos estar nesta asociación que defenderá os intereses de todos os Concellos que están afectados, como no caso de Silleda, por vías de peaxe”, indica.