O artista Carlos Alberto Castro Robles, introdutor do movemento Madí en España, cede unha escultura ao Concello de Silleda

 

Silleda, 19 de novembro de 2014. O Concello de Silleda vén de recibir a doazón da obra escultórica “Homenaje a París”, do escultor e gravador Carlos Alberto Castro Robles (Bos Aires, 1957). Hoxe asinouse o contrato de cesión desta peza, realizada en aceiro cortén esmaltado, e con tres metros de alto e que conta con réplicas en museos e parques de Luxemburgo, Extrasburgo ou cidades como Dallas (Texas).

O alcalde, Manuel Cuiña, agradeceu en nome de todos os veciños e veciñas o xesto de Castro Robles, que hai uns meses se afincou xunto a familiares no municipio de Silleda, terra natal do seu avó (era do lugar de Riobó, en Negreiros.

Ademais explicou que a citada escultura se atopa en Girona, cidade na que o artista levaba residindo dende o ano 1988, logo de ter residido tamén en París, onde comezou a xestar a obra cedida. Cuiña, que se achegou ata esta localidade para ver a peza, explicou que ésta se colocará nun lugar público que aínda está por determinar “e que se consensuará co artista”.O rexedor apuntou que se baralla un parque público ou unha rotonda.

Traslado de todo o taller e posible formación

No contrato asinado hoxe figura que o Concello se fará cargo do traslado dende Girona da citada escultura así como do seu mantemento. Ademais da obra donada, no traslado tamén se inclúe todo o taller do artista e outras dúas obras da súa propiedade.

Durante os contactos mantidos nas últimas semanas co autor, tamén se falou da posibilidade de que Castro Robles imparta en Silleda formación sobre gravados. Entre as súas pertenzas figura unha máquina de gravado que data do ano 1888, e que procede de Basilea.

“É un honor que un artista deste prestixio e traxectoria se instale no noso municipio”, engadiu Cuiña.

Pola súa banda, o artista, acompañado por familiares, tamén agradeceu a acollida de Silleda e amosouse orgulloso da doazón.

Castro Robles foi un dos introductores do chamado Movemento Madí en España. Esta corrente artística iniciuose en Arxentina no ano 1946 da man de artistas plásticos e trasladouse a todas as ramas da arte, baseándose na extremación dos conceptos de creación e invención.

Castro Robles está considerado, a nivel internacional como un dos artistas de gravado de maior prestixio e técnica, proxectando tamén a súa obra cara á escultura. As súas creacións están presentes no Museo Nacional Reina Sofía, no Madi Museum and Gallery de Dallas, Galería John Szoke-grapchic, de Nova York, Grandes Casinos de España, en Madrid; no Cente Cultural de Woluwe-Saint Pierre (Bruxelas), Galería de Arte de Rivadavia (Bos Aires) e en moitas obras localidades. Ademais ten participado en exposicións e mostras de moitos países de Europa, América e Asia.