O Auditorio Manuel Dopazo acolle o 18 de outubro unha dobre función, con musical infantil e outro dos éxitos dos 80’s e 90’s

O Auditorio Municipal Manuel Dopazo de Bandeira acollerá o sábado 18 de outubro de 2025 unha xornada de música para todos os públicos con dobre programación. Así  pola tarde ás 17h, o musical familiar “Bienvenidos a mi fiesta” irá seguido do espectáculo “Bienvenidos”, finalista dos premios OFF 2025 ao mellor teatro musical.

Sesión familiar: “Bienvenidos a mi fiesta

Ás 17:00 horas, o público máis novo (e tamén o adulto) fará unha viaxe polos grandes éxitos infantís e familiares de toda a vida —Cantajuegos, a Granja, o circo…— nun show cheo de humor, personaxes recoñecibles e estética desenfadada da man de Grupo Pompitas. A dirección artística leva a sinatura de Alfonso Durán. “Queremos que o público se deixe levar pola maxia, que cante e se emocione; é un agasallo para quen medrou con estas cancións atemporais”, apunta o promotor José Falomir.

Noite de nostalxia: “Bienvenidos

Xa en sesión de tarde-noite ás 20h, “Bienvenidos” de La Opción Producciones propón un percorrido polos himnos dos anos 80 e 90 (Tino Casal, Mecano, Hombres G, Los Secretos, Alaska, Radio Futura…), con voces en directo, interacción co público e un fiado teatral de formato grande. A dirección artística é de Víctor Páez e a dirección musical corre a cargo de Fran Expósito. “Non se trata só de escoitar as cancións, senón de volver sentilas e bailalas como a primeira vez”, subliña o director. O espectáculo foi finalista nos premios OFF 2025.

Venda de entradas

As persoas interesadas xa poden mercar as entradas, á venda xa dispoñibles en www.dentralia.com e en Luisa Regalos na (Rúa Progreso, 61 – Silleda).