O banco de alimentos de Silleda Solidaria recibe 2.242 kilos de alimentos da Cruz Vermella

 

Silleda, 1 de marzo de 2013. O programa Silleda Solidaria vén de ampliar as provisións no banco de alimentos cunha nova entrega por parte da Cruz Vermella. En total esta entidade benéfica achegou  esta vez, dentro do seu Plan 2012 de suministro de alimentos ás persoas máis necesitadas, un total de 2.242 kilos de comida. Dende o departamento de Servizos Sociais, onde se coordina o plan Silleda Solidaria, estanse a ultimar os lotes de alimentos que comezarán a entregarse o vindeiro luns.

Na entrega figuran alimentos básicos coma aceite de oliva, arroz, conservas, leite, legumes, pastas,  ou alimentos infantís, entre outros. Serán entregados con lotes variados a preto de medio cento de familias residentes no municipio.

Dende o programa Silleda Solidaria agradécese esta nova achega da Cruz Vermella, que vén a incrementar os fondos do seu banco de alimentos, no que tamén se están a recibir doazóns por parte de asociacións do municipio e tamén de particulares.

Así mesmo, tamén se agradece o xesto das asociacións que están a responder ás chamadas á solidaridade feitas dende o programa municipal.