O CC Trasdeza entregou máis de 400 kilos de alimentos ao programa Silleda Solidaria

 

Silleda, 4 de outubro de 2017.  O Club Cicliclista Trasdeza entregou ao programa municipal Silleda Solidaria máis de 400 kilos de alimentos non perecedeiros que foron aportados polos participantes na Ruta Solidaria BTT Trasdeza que se celebrou o pasado domingo.

A concelleira de Deportes, Ana Luisa González, recolleu os alimentos donados e agradeceu tanto á organización coma a todos os participantes na ruta a súa aportación.

“Esta iniciativa que aúna deporte e solidariedade está xa plenamente consolidada no calendario de Silleda e avalada polo éxito da organización, tal e como quedou demostrado nesta última edición”, engade a concelleira.

A cita do domingo bateu récords de participación con preto de 250 participantes que percorreron lugares emblemáticos do municipio coma o mosteiro de Carboeiro, o mirador da fervenza do Toxa ou o recinto Feira Internacional Abanca, pasando polos decorados da serie El Final del Camino.

Ao remate o avituallamento contou coa degustación de panceta con bola de Escuadro, una iniciativa coa que dende o Concello de Silleda se promocionaban tamén os produtos e festas locais.

Os alimentos recollidos están xa no banco de Silleda Solidaria, dende onde se irán repartindo as familias usuarias deste programa.