O CEIP de Bandeira, gañador do primeiro certamen Reciclaula

 

Silleda, 25 de maio de 2012. O CEIP da Bandeira foi o gañador do primeiro concurso escolar Reciclaula, posto en marcha pola Concellería de Educación, a Concellería de Medio Ambiente e a empresa Secope S.A, encargada da recollida selectiva no municipio de Silleda, para fomentar a cultura da reciclaxe entre a poboación escolar. O centro da Bandeira xuntou un total de 4.620 kilos, entre plásticos lixeiros e papel cartón. Os premios establécense, segundo as bases do concurso, mirando a ratio de kilos por alumno/a. No caso da Bandeira, con 110 alumnos, este ratio situose en 42 kilos/alumno.

O centro levará un premio de 1.000 euros para a excursión de fin de curso, ademais da posibilidade de crear unha horta solidaria, para o que a empresa Secope aportará sementes e materiais por valor doutros 1.000 euros.

O segundo premio, con 500 euros, será para o CEIP de Silleda, cun total de 10.120 kilos: 29,8 kilos por alumno (son 339 escolares) . En terceiro lugar quedou o Colexio María Inmaculada, con 300 euros, onde se recolleron 4.630 kilogramos, é dicir unha media de 19,05 kilos/alumno (son 243 alumnos).  O cuarto premio, dotado con 200 euros, é para o IES Pintor Colmeiro, que logrou , 2,7 kilos por alumno-a (1.130 kilos en total). O centro conta con 416 alumnos e alumnas.

Os premios, aportados pola empresa, entregaranse o vindeiro luns día 3 de xuño, e segundo as bases deben destinarse as excursións de fin de curso.

As pesaxes foron realizadas na báscula da empresa Nudesa á que dende o Concello de Silleda se lle agradece a súa colaboración coa iniciativa.

Máis de 20.000 kilos e horta solidaria

En total, con esta campaña recolléronse 20.500 kilogramos de plástico film e papel cartón, unha cifra moi destacada.

A empresa, radicada en Ribeira (A Coruña) e adicada á recuperación e valorización de residuos, colocou a semana pasada contenedores e sacos big-bag nos centros, onde a recollida se levou a cabo entre os pasados días 20 e 24.

En canto ao premio especial da horta solidaria, o CEIP da Bandeira decidirá na reunión do Claustro prevista para o vindeiro mércores a aceptación desta proposta. Segundo as bases de Reciclaula, o 50% da producción da horta como mínimo debe de destinarse ao Banco de Alimentos de Silleda Solidaria.

Dende o Concello de Silleda, a alcaldesa e concelleira de Educación, Paula Fernández, e o responsable de Medio Ambiente, Antonio Couso,  agradecen a participación de toda a comunidade escolar de Silleda nesta iniciativa novidosa na que se conseguiu o  obxectivo de implicar ao alumnado á hora de reciclar, cos premios como incentivo. Tamén se reitera o agradecemento a Secope S.L. pola aportación de 3.000 euros en total para esta iniciativa.