Silleda, 20 de marzo de 2017. O vindeiro xoves día 30, ás 16:00 horas, celebrarase na Casa da Cultura de Silleda unha sesión informativa sobre as potencialidades do cultivo das castañas e das olivas no municipio. Esta cita, organizada dende o Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda, chega despois das visitas cursadas nos últimos meses ás plantas de Alibós e de Aceites Abril, a través de saídas organizadas dende a entidade silledense.
“Á vista do interese amosado por algúns veciños e veciñas que acudiron a estas excursións, e dado que xa hai incluso proxectos en marcha, falamos con estas dúas firmas para realizar estas sesións informativas”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Así, nesta cita técnicos de Alibós, a maior planta de transformación de castañas (ubicada en Monterroso) e de Aceites Abril, a industria ourensana adicada á produción de aceite de oliva, explicarán polo miudo ás persoas interesadas as potencialidades do cultivo da castaña e da oliva no termo municipal de Silleda.
“Cremos que se trata dunha iniciativa de interese que virá a complementar as actividades formativas e informativas que estamos realizando dende o Centro de Desenvolvemento Agrario”, engade Cuiña.