Silleda, 6 de febreiro de 2016. O Centro de Desenvolvemento Agrario de Silleda contará cos terreos municipais situados no lugar de Rosende, na parroquia de Ponte, dúas parcelas que suman 29.000 metros .
Os responsables do proxecto, que se iniciou en semanas pasadas, visitaron este recinto no que se levarán a cabo cultivos experimentais relacionados co Centro de Desenvolvemento Agrario.
“O Centro terá a súa sede na antiga cámara agraria e este recinto municipal da parroquia de Ponte virá a complementar as instalacións servindo como zona de prácticas e para albergar cultivos experimentais”, explica o alcalde, Manuel Cuiña, que visitou a zona xunto co concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada, e os técnicos que están a realizar os traballos para a posta en marcha desta iniciativa.
A disposición dos veciños
Debido á extensión destas parcelas, que pasaron a mans do Concello de Silleda logo do histórico acordo coa Fundación Semana Verde para a compensación de débedas mútuas, dende o Concello tamén se reservará parte dos terreos para poñer a disposición daquelas persoas que carezan de terreos e estean interesados en contar cunha pequena horta.
“Esta proposta facémola pensando sobre todo nos veciños e veciñas do casco urbano que non dispoñan de terrras e que queiran disponer dunha pequena parcela para ter os seus cultivos”, indica Cuiña. O alcalde destaca ademais a cercanía dos terreos ao casco urbano silledense, situados a pouco máis de 1 kilómetro da capital municipal.
“Consideramos que se trata de unha iniciativa de interese, a realizar en terreos que son de todos e todas os silledenses e que podemos aproveitar con esta doble vertiente: a de servir de zona para cultivos experimentais do Centro Agrario e a de ofertar a aqueles veciños que non teñan terras a posibilidade de contar con unha horta”, engade o rexedor.
Por outra banda, a partir da vindeira semana os técnicos de Quorum Económico, a empresa que traballa na posta en marcha do Centro de Desenvolvemento Agrario, poñeránse en contacto cos voluntarios/as que xa se inscribiron no Concello para participar nesta iniciativa municipal. Aínda así, aquelas persoas que estén interesadas poden continuar inscribíndose poñendose en contacto co departamento de Alcaldía.
O equipo de Quorum leva xa varias semanas traballando na confección do mapa agrario, un estudo preliminar consistente na recollida de información estatística e do medio físico do ámbito de estudo que comprende todo o termo municipal de Silleda.
Estímase que este estudo inicial se realizará nun prazo duns 7 meses. A rendabilidade dos cultivos é outro dos obxectos de estudo, con asistencia técnica na que se determinen as principais producións e establecemento do seu albor de rendibilidade, así como o estudo xeral de rendibilidade por cada unha destas.
Canles de comercialización dos produtos e plan formativo
O Centro de Desenvolvemento Agrario xurde como proposta do goberno municipal como medida para revitalizar o rural e o sector primario. Con esta iniciativa búscase unha menor dependencia do sector leiteiro e un maior aproveitamento das terras adicándoas a actividades agrarias.
Unha vez realizado o mapa agrario, a empresa presentará un estudo sobre canles de comercialización dos produtos e deseñarán un plan formativo con recomendacións xerais.
Ademais de canles de comercialización tamén se creará unha escola agraria, sendo a formación outros dos piares desta ambiciosa iniciativa.