Silleda, 2 de xaneiro de 2019. O Concello de Silleda vén de abrir o prazo de presentacións de traballos para a terceira edición do certame “Nas festas somos máis”, o concurso enmarcado na campaña de fomento de empadroamento.
Este certame que botou a andar en 2017 ten como obxectivo fomentar, ademais do empadroamento, a riqueza turística e paisaxística do municipio . A dotación económica en total será de 3.000 euros repartidos en tres premios.
O primeiro estará dotado con 1.500 euros, o segundo con 1.000 euros e un terceiro con 500€. O prazo para presentar candidaturas, tal e como recollen as bases, abriuse hoxe día 2 de xaneiro e as propostas poderán presentarse no Rexistro Municipal ata o vindeiro día 15.
Poderán participar, ao igual que nas anteriores edicións, todos os colectivos ou asociacións, legalmente constituídas, que sexan organizadoras de festas patronais e/ou gastronómicas do municipio de Silleda.
Segundo recollen as bases entenderase como traballo participante a totalidade da campaña promocional da festa, así como as accións de promoción que se leven a cabo durante o evento en cuestión.
Cada organización deberá presentar unha memoria na que se especifiquen as actividades de promoción da festa na que se abarquen aspectos de fomento de empadroamento do municipio, (cartaces, actos de presentación do evento, publicidade de lugares turísticos durante as festas…), promoción dos grupos culturais e musicais locais, ou calquera outra que se estime oportuna engadir.
A temática será exclusivamente a promoción do Concello de Silleda e o fomento do empadroamento no mesmo.
“Con esta iniciativa tratamos tamén de fomentar unha maior participación das asociacións que organizan as moitas festas que celebramos en Silleda”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
Os premios irán destinados a subvencionar os custes da festa ou evento que concorra ao certamen e non poderá empregarse o premio para a realización de outros actos realizados pola comisión ou organización, que non estean relacionados co evento principal
Poderán concorrer a este certame municipal todas aquelas campañas do presente exercicio, organizadas dende o 1 de xaneiro de 2018 ata o pasado 31 de decembro.
Os traballos valoraranse en base á orixinalidade e calidade da campaña, en xeral, a duración da campaña previa á celebración, ou outros criterios coma o número de posibles destinatarios e o impacto tanto no municipio como fóra del. Tamén se terá en conta a contratación musical ou outro tipo de animacións con grupos ou empresas que teñan a súa sede en Silleda.
“Deste xeito tamén estamos a contribuir á promoción dos nosos grupos e en definitiva a dinamización de Silleda”, remarca o alcalde.
As bases deste concurso poden consultarse na páxina web do concello, (www.silleda.es).