Silleda, 12 de marzo de 2019. O Club do Centro Social dos Maiores e a Concellería de Benestar Social, que dirixe Pili Peón, organizan unha nova viaxe. O destino será neste caso a Costa Blanca, aínda que se farán paradas en diversas cidades nos traxectos de ida e volta. A viaxe terá lugar entre o 3 e o 10 de abril próximo. O prezo é de 385 euros por persoa e inclúe a viaxe en autobús, as 7 noites de hotel, pensión completa, seguro de viaxe e visitas a disintas localidades. O prazo para anotarse abrirase o vindeiro xoves día 21. As prazas son limitadas e as persoas que o desexen deben inscribirse no Centro Social dos Maiores de Silleda, en horario de 08:00 a 14:00 horas ou ben chamar ao 986 592037.
A saída será o mércores 3 de abril dende Silleda e A Bandeira con destino Toledo, cidade na que transcurrirá a primeira xornada. O xoves día 4 o grupo partirá dende Toledo cara a Benidorm, onde se establecerá nun hotel para dende alí realizar distintas saídas.
Así, visitaránse cidades como Valencia, Alicante, Elche, Guadalest ou Xátiva. Xa o martes día 9 o grupo iniciará a viaxe de retorno, con parada en Teruel e facendo noite en Palencia, onde pernoctará esta última xornada antes de emprender o regreso a Silleda o mércores 10 pola tarde.