Silleda, 3 de agosto de 2015. O Concello de Silleda está a realizar estes días traballos de reparación e mantemento no CEIP de Silleda, onde nos próximos días se iniciarán tamén as obras do patio cuberto.
Así, operarios municipais están procedendo á limpeza de humidades e pintado na zona do comedor do colexio. O tenente de alcalde, Klaus Brey e a concelleira de Educación, Pilar Peón, visitaron hoxe o centro, onde se realizan tarefas de mantemento de cara ao inicio do próximo curso escolar o vindeiro mes de setembro, a fin de mellorar as instalacións.
Así mesmo, está previsto que pasado mañá mércores den comezo os traballos de dotación do patio cuberto, que se construirá entre o edificio do colexio e o pavillón do recinto educativo. A empresa Construccións Areán resultou é a adxudicataria destas obras, que o Concello de Silleda realizará con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS) de 2015, cunha inversión de 20.000 euros.
Para cubrir esta zona, colocarase unha cuberta con estructura metálica, sobre cimentación de formigón armado. Será unha cuberta a unha auga, con unha pendente do 10%.
Melloras noutros centros
Unha vez que o equipo do departamento municipal de obras remate estas tarefas, tamén se acometerán obras de mellora e acondicionamento noutros centros educativos, como o CEIP Ramón de Valenzuela (onde se limparán canalóns e se pintarán algunhas dependencias) ou a Escola Infantil A Galiña Azul, entre outros.