Silleda, 7 de abril de 2017. O Concello de Silleda vén de asinar un novo convenio de colaboración no marco do fomento e axuda á promoción do emprego e apoio ao tecido empresarial. Así, o alcalde, Manuel Cuiña e o presidente da Asociación de Autónomos e Pequenos Empresarios de Galicia (APE Galicia), José Ramón Caldas Martínez, asinaron o acordo de colaboración para a posta en marcha de accións conxuntas.
Búscase establecer liñas de cooperación conxunta entre as dúas entidades a fin de axudar e apoiar ao colectivo de traballadores por conta allea. Dende APE Galicia ofertarase asesoramento tanto técnico, como xurídico, fiscal e laboral a Traballadores Autónomos e Pequenas Empresas. Entre os seus servizos tamén figura a elaboración de informes, proxecto, e organización de eventos que resulten de interese para o colectivo. Unha das primeiras accións a realizar que se prevén no marco deste convenio de colaboración é a realización dunha xuntanza cos autónomos do municipio para informar dos servizos que oferta APE Galicia, segundo informou o seu presidente.
Por outra banda, dende o Concello de Silleda colaborarase en virtude do convenio asinado no desenvolvemento das accións que leve a cabo o colectivo no municipio, tanto no ámbito da difusión como na posta a disposición de personal municipal, dependencias…
“Con esta iniciativa queremos seguir apostando polo apoio aos máis de mil autónomos e pequenos empresarios que temos a día de hoxe no municipio de Silleda. Cremos que este convenio será produtivo para o seu traballo, caso de xornadas formativas ou outras que puideran ser do seu interese”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que xunto co concelleiro de Comercio e Industria, Benito Saavedra, mantivo un novo encontro con José Ramón Caldas.
Segundo os datos aportados dende APE Galicia, dos 3. 166 veciños e veciñas de Silleda que están ocupados, 1.245 están dados de alta no Réxime Especial do traballador Autónomo, o que supón un 39,32 da poboación activa silledense.
Unha taxa de paro das máis baixas da provincia
A taxa de desemprego no municipio de Silleda segundo os últimos datos de decembro de 2016 situouse nun 13,04%, unha das máis baixas da provincia de Pontevedra. Así, Silleda contaba a finais do pasado ano con 465 desempregados e desempregadas.
“Pouco a pouco estase a notar unha melloría xeralizada na economía e en Silleda imos mellorando os datos de desemprego, co que hoxe estamos xa algo máis lonxe dos datos de 2012, cando chegou a haber 729 veciños e veciñas en situación de desemprego o que supoñía daquela o 18,93% da poboación”, sinala o alcalde.
Este convenio vén a sumarse a outras iniciativas postas en marcha polo goberno local para loitar contra o desemprego, caso do programa Silleda Emprega, que arrancou en 2011, ou do Plan de Axudas ao Fomento do Emprego, para o que xa se concederon varias subvencións a fondo perdido dende a súa posta en marcha a finais de 2015, cunha media de 2.000 euros en cada axuda.
“Temos que continuar traballando, dentro das nosas competencias, para continuar nesta liña de mellora”, indica o alcalde, que lembra tamén a posta en marcha de iniciativas como o Centro de Densenvolvemento Agrario ao abeiro do que xa xurdiron proxectos emprendedores.