Silleda, 25 de decembro de 2014. O Concello de Silleda vén de asinar un acordo de custodia da colonia de morcegos que habita no pombal situado xunto ao mosteiro románico de Carboeiro. O acordo, asinado coa Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT)establece unha serie de medidas para conservar os morcegos que se refuxian nesta instalación, unha interesante colonia do chamado morcego de ferradura pequeño (Rhinolophus hipposideros), unha especie actualmente protexida.
Roberto Jesús Hermida, presidente da AGCT asinou co alcalde, Manuel Cuiña, este acordo, que se enmarca na iniciativa de conservación de refuxios de morcegos impulsados polo colectivo Drosera e a citada asociación, un colectivo sen ánimo de lucro que ten entre os seus fins a conservación do patrimonio natural, facendo partícipes a propietarios e usuarios do teritorio mediante acordos de custodia.
No convenio asinado, con unha duración de 10 anos, estabrécense as bases para a conservación da colonia, comprometéndose o Concello a adaptar a porta de acceso ao pombal para permitir o tránsito dos morcegos, así como a mantela pechada para limitar o acceso só a persoal autorizado. Tamén se velará pola boa conservación deste refuxio, e non se adoptará ningunha medida que implique a morte ou molestia dos morcegos, ou que impida a súa entrada ou saída do pombal.
Pola súa banda, a AGCT entregará ao Concello de Silleda un informe de seguimento anual da colonia que permita coñecer a súa evolución, ademais de ofrecer asesoramento no referente a esta especie protexida. Todas as accións desenvolveránse a traves do persoal técnico de Drosera, unha asociación sen ánimo de lucro adicada á conservación do patrimonio natural de Galicia, e que está a desenvolver un estudo sobre os morcegos da Comunidade (Morcegos de Galicia).
O pombal está situado no extremo norte do mosteiro románico de Carboeiro, cun bo estado de conservación. O acceso a esta construcción, ata agora aberta ao público, quedará limitado en virtude deste acordo para a protección destes morcegos de ferradura pequenos, unha especie da familia Rhinolophidae, de orixe tropical, que conta con tres especies en Galicia.
Trátase de morcegos de pequeno tamaño, de apenas 5 gramos de peso, que habitan en hábitas con boa cobertura forestal e que usan principalmente construccións humanas como refuxio de cría.
Segundo explican dende o colectivo Drosera, ainda que esta especie parece contar con boa saúde poboacional en Galicia, sufríu unha grande regresión en varios países de Europa.
O Rhinolophus hipposideros está incluido na directiva europea de hábitats e figura ademais no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, coa categoría de vulnerable.
A colonia localizada en Carboeiro consta duns 40 morcegos adultos.
Limitación da entrada e divulgación
Coa limitación do acceso ao pombal búscase eliminar unha das ameazas para a conservación desta especie. Esta medida adoptarase unha vez se adecue a porta de acceso, con unha apertura recomendada (duns 25 centímetros de altura) para permitir o tránsito dos animais coa porta pechada.
Dende a asociación Drosera está previsto realizar unha visita con carácter trimestral e progresivamente outras na época de cría, para avaliar o estado da colonia.
A presenza desta en Carboeiro vén a incrementar a valía do patrimonio natural no que se atopa o histórico mosteiro silledense. Por iso, e en virtude deste acordo está previsto instalar xunto ao pombal un panel informativo dando a coñecer o peche do pombal e a súa motivación, con datos e imaxes sobre esta especie protexida.