Silleda, 11 de febreiro de 2015. A concelleira de Persoal de Silleda, Pilar Peón, mantivo esta mañá un encontro con Francisco Jesús Ferreiro Seoane, profesor doutor de Economía Aplicada da USC e coa economista Marta Camino a fin de estudar as posibilidades de retomar a posta en marcha da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Silleda.
Ferreiro Seoane é ademais director da asociación Equipo Quorum, con experiencia na elaboración deste tipo de iniciativas.
Neste encontro abordaronse distintas cuestións relacionadas coa posta en marcha da RPT, que se busca retomar dende o goberno municipal silledense, como xa avanzara o alcalde, Manuel Cuiña, na xuntanza que mantivo co comité de empresa e os sindicatos o pasado día 1 de decembro. “Consideramos que a situación económica actual do Concello, logo da xestión realizada polo goberno municipal, permite poñer en marcha esta actuación para regularizar e reordenar a plantilla municipal”, explica o alcalde, que remarca que “con esta iniciativa dende o goberno damos cumprimento ao compromiso adquirido coa Mesa de Persoal para a posta en marcha da RPT”, engade.