Silleda, 25 de marzo de 2015. O Concello de Silleda comezou xa a remitir as respostas ás alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda. Tal e como xa se anunciara con anterioridade, dende o Concello “respostarase, unha por unha, a todas aquelas persoas, colectivos ou grupo de veciños que presentaron no seu día algunha proposta de cambio ao documento urbanístico”, engade o alcalde e responsable municipal de Urbanismo, Manuel Cuiña.
En total remitiranse 783 misivas dende o Concello respostando de xeito individualizado a todas as persoas que alegaron.
Cuiña lembra que a maioría das reclamacións foron aceptadas, outras estimáronse de xeito parcial e un grupo, máis pequeno de propostas foi rexeitada por non axustarse á normativa no tocante a cuestións como a Lei do Solo, ou afeccións relacionadas con Augas de Galicia ou Patrimonio.
“En sucesivas reunións cos voceiros dos grupos e o equipo redactor fomos analizando o resultado de todas as alegacións”, explica Cuiña. Logo do proceso de revisión, volcouse todo o contido das alegacións no documento. A día de hoxe, só restan por recibir os informes de Augas de Galicia e o de Cultura. O PXOM xa foi remitido o pasado mes de xaneiro a este último departamento autonómico coas correccións advertidas pola propia Consellería no seu primeiro informe.
Cuiña advirte que o proceso de envío das respostas levará varias semanas, dado o número de alegacións, “pero consideramos que os veciños e entidades que alegaron deben ser informado do resultado de xeito individual, algo que non é habitual neste tipo de procedementos, pero dende o goberno municipal cremos que é o máis axeitado, seguindo coa filosofía de participación e transparencia coa que fixemos a exposición do documento”, engade o alcalde.