Silleda, 7 de febreiro de 2017. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Turismo, que dirixe Ana Luisa González Costa, ven de asinar un convenio co IES Pintor Colmeiro para a realización de prácticas dun dos alumnos do Ciclo Medio de Actividades Físicodeportivas no Medio Natural.
Un dos acometidos deste alumno será rematar o roteiro entre a parroquia de Pazos, onde se atopa a Fervenza do Toxa, e o mosteiro de Carboeiro en colaboración co Concello. No momento de realizar este roteiro non foi posible localizar o antigo camiño que unía os dous enclaves . “Partindo de que temos un paraxe natural incomparable, con bosques autóctonos e outros actractivos, queremos completar este roteiro pola zona interior de monte, onde unha vez localizada a ruta procederase á limpeza e á correspondente sinalización”, indica a concelleira de Turismo.
Este roteiro forma parte do proxecto de mellora da sinalización e accesos ao mosteiro románico de Carboeiro e á Fervenza do Toxa. Deste proxecto queda aínda pendente por realizar a dotación do aparcamento público para evitar o acceso con vehículos á Fervenza (onde se peatonalizou toda a baixada) e a finalización deste roteiro, de 6, 7 kilómetros.
“Os antigos camiños, coma tantos outros, quedaron totalmente cubertos pola maleza e agora recuperaremos estas rutas interiores para finalizar este roteiro, ademais de continuar promovendo outras actividades no medio natural”, explica a concelleira, que mantivo en días pasados un encontro co alumno de prácticas, co seu titor e co técnico municipal de Deportes.
Ademais desta ruta o traballo en colaboración co CM de Actividades Físicodeportivas tamén se centrará na organización doutras actividades.