Silleda, 15 de agosto de 2015. O Concello de Silleda continúa apostando pola mellora da praza da Feira da Bandeira e do seu entorno. Así, o proxecto presentado para acollerse á orde do 31 de decembro de 2014, que regula a concesión de axudas a concellos para a mellora de mercados muncipais –cofinanciadas polo Feder- vén de recibir o visto bo.
O proxecto, que leva por título Mellora da zona destinada a mercado ambulante da Bandeira suporá un investimento total de 42.292,86 euros, dos que o 70% (29.605 euros) serán financiados a través destas axudas da Consellería de Economía e Industria e o 30% restante procederá de fondos municipais.
Co programa de axudas aos concellos para revitalizar o comercio de proximidade e potenciar os mercados ambulantes, o Concello de Silleda busca reformar e mellorar tanto física como funcionalmente esta zona. A actuación concéntrase nas rúas onde se realiza a feira, os días 14 e 29 de cada mes.
Ademais, esta iniciativa supón continuar as reformas realizadas nos últimos anos –coa mellora de calellos e ampliación da praza, coa peatonalización de máis tramos- entre outras.
Máis mobiliario e seguridade
A actuación suporá contar con máis bancos, papeleiras e xardineiras, que mellorarán a zona dende o punto de vista estético. Tamén se pintarán de novo farolas do entorno, e se reducirá o impacto visual dos colectores de lixo colocando illas de madeira.
Así mesmo, e tamén na liña iniciada na pasada lexislatura, coa instalación de pasos de peóns sobreelevados e a reordenación do tráfico na zona –logo de que os usuarios pedirán intensificar a seguridade viaria nesta zona- dotaráse á praza de sinais de circulación luminosas.
Nas actuacións previstas, ademais das 4 illas para os colectores, 6 sinais luminosas, e o pintado das farolas con pintura esmaltada especial, tamén figura a dotación de aparcabicicletas; xardineiras semiesféricas de ferro (similares ás xa existentes); de cinco bancos de madeira, e de papeleiras de aceiro galvanizado.
Esta actuación, que se levará a cabo nos vindeiros meses, vén a sumarse a outros dous proxectos cos que se mellorou o entorno da praza. Así, no ano 2013 tamén se melloraron cinco tramos adxacentes a este emprazamento: os calellos da Pomba, do Pulpo, da Capela, o dos Caldeireiros, e dos Cacharreiros. Dotáronse de iluminación e novo mobiliario, poñendo ademais en valor esta trama urbana singular da vila de Bandeira.
No verán de 2014, procedeuse á humanización do entorno da praza, coa renovación do parque infantil e coa reordenación do tráfico.
“Con este novo proxecto continúase pois apostando pola mellora deste espazo da vila e do seu entorno onde se celebra o mercado ambulante e onde moitos veciños e veciñas teñen tamén un punto de encontro”, explica a concelleira Ana Luisa González.