O Concello contrata a asistencia técnica para a posta en marcha do Centro de Desenvolvemento e a Escola Agraria

Silleda, 15 de outubro de 2015. O executivo municipal de Silleda acordou na última Xunta de Goberno aprobar o contrato para actividades de asistencia ténica coa firma Quorum Económico S.L., para a realización do Mapa Agrícola de Silleda, entre outros traballos. Dito contrato establece un custe de 13.310 euros (IVE incluído) que se abonarán con cargo aos orzamentos de 2016, en varios pagos.

A Empresa é unha entidade formada por personal vinculado á Universidade que desenvolve actividades en asesoramento empresarial e institucional e con experiencia neste ámbito.

 

“Con este estudo botará a andar o vindeiro ano un dos proxectos máis ambiciosos que propuxemos no noso programa de goberno para esta lexislatura: a creación dun Centro de Desenvolvemento Agrícola e unha escola agraria”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

 

O primeiro obxecto do contrato será a elaboración do mapa agrícola, un estudo preliminar consistente na  recollida de información estatística e do medio físico do ámbito de estudo que comprende todo o termo municipal de Silleda. Así mesmo prevese a realización de entrevistas conducente ao mellor coñecemento dos axentes involucrados no desenvolvemento rural da zona.

 

A entidade tamén realizará un estudo de aptitudes de cultivo baseado en ferramentas GIS, traballo que pasa pola elaboración do mapa agrario con ferramentas de información xeográfica e no que se xustifiquen os cultivos máis recomendados para cada zona do territorio silledense.

A rendabilidade dos cultivos é outro dos obxectos de estudo, con  asistencia técnica na que se determinen as principais producións e establecemento do seu albor de rendibilidade, así como o estudo xeral de rendibilidade por cada unha destas.

Canles de comercialización dos produtos e plan formativo

O Centro de Desenvolvemento Agrario xurde como proposta do goberno municipal como medida para revitalizar o rural e o sector primario, “que segue sendo a base da nosa economía local”, engade o alcalde. Con esta iniciativa búscase unha menor dependencia do sector leiteiro e un maior aproveitamento das terras adicándoas a actividades agrarias.

Unha vez realizado o mapa agrario, a empresa presentará un estudo sobre canles de comercialización dos produtos e deseñarán un plan formativo con recomendacións xerais.

“Queremos ter primeiro a radiografía do noso termo municipal, ver qué cultivos son os máis axeitados en cada zona, en cada parroquia, para logo deseñar accións formativas e apoiar a comercialización dos produtos, coa maior rendabilidade posible para os nosos agricultores e agricultoras e co menor número de intermediarios posible”, explica o alcalde.

O concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada Lázara, será o interlocutor dende o Concello de Silleda para este traballo, que ten unha duración estimada de 7 meses dende que se asine o contrato.

 

O equipo de traballo de Quorum estará formado por Francisco Jesús Ferreiro Seoane, responsable do proxecto, doutor, e profesor da Economía Aplicada da USC e de Relacións Laborais da UDC., experto en desenvolvemento local e membro do equipo de investigación de medio rural da USC;  Álvaro Martínez Roel, enxeñeiro agrícola pola USC. Experto en economía agraria e que está a traballar en diversos proxectos de desenvolvemento agrario promovidos por concellos galegos; Luis García. Director da Escola familiar agraria Fonteboa de Coristanco;  Manuel Octavio Del Campo Villlares, doutor e profesor de economía aplicada da Universidade da Coruña, e Marta Camino Santos, licenciada en ADE, membro do equipo de investigación de Economía Aplicada da USC. Mestrado en Tributación e Fiscalidadee Mestrado en Contabilidade Superior e Auditoría de Contas.

 

A empresa comprométese a informar ao da marcha dos traballos realizados para o que remitirá informes periódicos, e unha vez terminados emitirá un informe final establecendo as conclusións ás que se chegara.

Está previsto que o Centro de Desenvolvemento Agrario, un proxecto complexo que se prevé realizar a medio ou longo prazo, teña a súa sede no antigo edificio da Cámara Agraria de Silleda. “Este é un dos retos que nos marcamos dende o equipo de goberno co obxectivo final de contribuir á creación de emprego”, explica Cuiña.