-As solicitudes poden presentarse por Rexistro ou a través da Sede electrónica ata o vindeiro xoves día 25. O servizo prestarase entre o 1 de xullo e 9 de setembro. Quedan eliminadas as reservas de praza para este servizo realizadas ata estas datas
Silleda, 19 de xuño de 2020. A Concellería de Educación, que dirixe Ángela Troitiño, abre o prazo de inscrición para o campamento de verán que finalmente se realizará á vista da orde decretada polas autoridades autonómicas.
O prazo de inscrición para participar neste servizo,- que se prestará dende o 1 de xullo ata o 9 de setembro-rematará o vindeiro xoves día 25.
“Levamos varias semanas barallando distintas opcións e posibilidades para a celebración do campamento, que se oferta en Silleda e na Bandeira, e agora que xa temos por fin a normativa da Xunta nesta materia procedemos a ofertar o servizo que se prestará este ano en condicións excepcionais”, indica a concelleira.
Así, na convocatoria deste ano primarase a necesidade de conciliación das familias que deberán de acreditar debidamente a súa situación laboral. Ademais, e seguindo o protocolo de medidas de seguridade e prevención, os proxenitores deberán de asinar no momento de facer a solicitude, unha declaración responsable con distintas cuestións relacionadas co estado de saúde das persoas menores, entre outras cuestións.
O servizo ofertarase por quincenas e en xornadas de mañá e/ou tarde, de 09:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.
Novo proceso
Dada a excepcionalidade da situación, quedan anuladas todas as reservas de praza para os campamentos de verán que estaban xa feitas con anterioridade.
As inscricións poden realizarse presencialmente no Rexistro Municipal (de 09:00 a 14:00 horas) ou ben a través da sede electrónica adxuntando os formularios que se colgarán na páxina web. Xunto coa instancia de solicitude, asinarase a declaración responsable e entregarase ás familias un documento que recolle todas as medidas hixiénico sanitarias que se deben de cumprir.
Control de temperatura e grupos de 15 persoas
Entre as medidas que se adoptarán figura un rexistro de temperatura. Todos os días se lle tomará a temperatura a todos os participantes á chegada ao servizo.
Tamén se reforzarán as medidas de limpeza en todas as instalacións que se utilicen. En canto á programación priorizaránse actividades ao aire libre e en espazos abertos, e de realizarse saídas, serán sempre a lugares pouco concorridos e adoptando as medidas necesarias.
Os grupos estarán formados por 15 participantes, tal e como establece a orde da Xunta. Velaí os formularios que se poden remitir tamén por sede electrónica.