Ademais do repintado de varias aulas, tamén se procederá ao arranxo de elementos de xogo e a limpeza xeral das instalacións, aproveitando o peche estival do centro educativo
Esta actuación forma parte dos traballos anuais que acomete o Concello nos distintos centros educativos
O Concello de Silleda continúa cos traballos de reparación e mantemento dos centros educativos, para a súa posta a punto de cara ao vindeiro curso escolar.
Así, nesta mesma semana iniciáronse distintas tarefas na Escola Infantil A Galiña Azul, co pintado de aulas, reparacións no patio interior e outros labores de mantemento, que veñen a complementar os distintos investimentos realizados polo Concello de Silleda nos últimos anos neste centro.
En 2022 renovouse todo o caucho do patio e o pasado ano renováronse, con máis de 20.000 euros, todos os aseos do centro.
As obras financiáronse a través da compensación económica co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, co que se cofinancia o servizo, ao descontar o importe das obras da aportación municipal que o Concello ten obriga de abonarlle anualmente ao Consorcio polo servizo da escola infantil.
Unha vez rematados os traballos, dende o Concello de Silleda -que asume a limpeza diaria do centro- tamén se levarán a cabo os traballos de limpeza integral das instalacións.
A concelleira de Educación de Silleda, Ángela Troitiño, lembra que en anos anteriores xa se levaron a cabo distintas reformas neste centro, co mesmo sistema de compensación económica, consistentes en impermeabilizar as cubertas, substituír os biombos por tabiques lixeiros (con illamento exterior acústico e porta de paso corrediza), ou unha varanda de separación na zona de xogos, entre outros.
Esta actuación forma parte dos traballos que se acometerán nos distintos centros educativos antes do inicio do curso escolar o vindeiro 11 de setembro, incluidas as limpezas integrais dos mesmos.