O Concello de Silleda acometerá o arranxo integral doutras 7 pistas cun investimento de 250.000 euros

-A proposta, que se incluirá nunha das  liñas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, inclue obras no Camiño do Foxo, en Cimadevila (Escuadro); O Marco (Siador); en Maril (Fiestras); O Ribeirao (Negreiros); Vilaverde-Medelo e na Moa, en Manduas

-O equipo de bacheo retoma a actividade noutros viais do rural

 

Silleda, 4 de xuño de 2020-.  O Concello de Silleda acometerá nos vindeiros meses novas actuacións para a mellora integral de varios viais. Así, hoxe na Xunta de Goberno Local, aprobouse o proxecto que inclue 7 novas actuacións de viais, e que agora se remitirá á Deputación de Pontevedra para incluir na liña de investimentos do Plan Concellos 2020.

Cun investimento de 250.000 euros, o proxecto inclue a dotación de aglomerado en Camiño do Foxo (un vial cercano á vila de  Silleda); no lugar de Cimadevila, na parroquia de Escuadro; en O Marco, na parroquia de Siador, e a pista de Maril, en Fiestras. Tamén se inclue outro vial en O Ribeirao (Negreiros) e outras dúas en Manduas, no tramo de Vilaverde-Medelo e en A Moa.

Tratase de viais que polo seu deterioro xa non admiten posibilidades de bacheo e que precisan un arranxo máis en profundidade, a maioría delas con aglomerado.

“Estas actuacións xunto con outras que se levarán a cabo de xeito máis inmediato virán a seguir mellorando as comunicación no rural”, indica o alcalde Manuel Cuiña.

Tamén na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada hoxe se aprobaron os pregos para iniciar a contratación da mellora da pista de Saídres, cun investimento de 173.000 euros, incluida tamén no Plan Concellos da Deputación. Trátase dun tramo de máis de 3 kilómetros, dende o cruce ca estrada provincial EP 6502 (Silleda-Castro Merza), ata a parroquia.  Segundo figura no proxecto, ademais da limpeza de cunetas, mellorarase toda a calzada, con aglomerado en quente. “Trátase dun vial moi transitado, o único que da acceso á parroquia de Saídres”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Reanudación dos bacheos

Por outra banda o equipo de bacheo do departamento municipal de Vías de Obras, que dirixe Antonio Ferro Losada,  vén de retomar a actividade logo do impass pola crise do Covid-19. O grupo, que se reforzou cos operarios que comezaron esta semana a traballar, reinicia os arranxos viarios no rural.