Silleda, 12 de abril de 2016. O Concello de Silleda ven de recibir por parte de Augas de Galicia, autorización para a canalización de augas pluviais na zona de servidume e policía do regato de Pedrouzo, afluente do río Toxa, no lugar de Pedrouzo, parroquia de Graba.
Deste xeito dáse resposta a unha demanda que viña facendo o concello dende marzo do pasado ano, cando formalizou a presentación da solicitude para a canalización ante a Consellería de Medio Ambiente.
Esta obra evitará a formación de grandes bolsas de auga, que están a causar unha grave prexuízo no vial de acceso ó lugar, causando danos na infraestrutura viaria.
Dende a Concellería de Obras e Servizos, que dirixe Klaus Brey, comunicase que se ten previsto iniciar as obras en canto as condicións meteorolóxicas o permitan, que consistirán na canalización das augas pluviais mediante a formación dunha cuneta entubada nunha lonxitude de 151 metros, ata unha arqueta de infiltración de aros de formigón, situada a unha distancia mínima de 10 metros dende o leito do rego, nun trazado en planta con forma de L, no que se disporán de 3 arquetas de rexistro intermedias.
“Esta era unha obra moi necesaria, que os veciños levaban reclamando dende hai algún tempo, e que sen dúbida mellorará o tránsito pola zona”, declara o concelleiro de obras.