Silleda, 18 de agosto de 2014. O Concello de Silleda acollerase á liña de subvencións anunciada pola Xunta para territorios situados en Rede Natura, con un plan de sinalización integral no que xa se está a traballar dende hai semanas.
Dende o goberno municipal, o alcalde, Manuel Cuíña, ante as información publicadas hoxe nun medio de comunicación, admite que “dende o Concello somos conscientes de que a sinalización é deficiente, iso non é ningunha novidade” , pero tamén advirte que “levamos meses agardando unha resposta doutras Administracións para coordinar uns traballos que como entidade local non podemos acometer de xeito inmediato”, engade.
A fervenza do Toxa forma parte do Sistema Fluvial Ulla-Deza, integrada en zona protexida, dentro da Rede Natura.
De aquí parte o Sendeiro do Deza, cara ao Mosteiro de Carboeiro, que tamén entrará dentro do plan de sinalización.
O alcalde lembra que se remitiron varias solicitude á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a última o pasado mes de marzo, reiterando a necesidade de adecentar e mellorar o sendeiro do Deza. Este roteiro, que discorre entre os dous emblemas turísticos do municipio silledense, o Mosteiro de Carboeiro e a Fervenza do Roxa, foi promovido e subvencionado no seu día pola Xunta de Galicia, coa correspondente homologación, unha das máis antigas da comunidade.
Dende a súa creación, hai xa máis dunha década, o sendeiro sufriu desperfectos e incidentes de todo tipo que afectaron á sinalización do mesmo, ou ás vallas de protección (que se atopan rotas e caídas), neste roteiro que inclue tamén territorio do veciño municipio de Vila de Cruces.
Pese a traballos puntuais de limpeza e mellora feitas dende o Concello, tense solicitado a participación da Xunta para realizar unha posta a punto integral da ruta, algo que implica un maior esforzo.
“Non estamos a botar balóns fóra, porque somos conscientes de que cuestións coma a sinalización poderían terse realizado, pero non podemos ir a salto de mata, e debemos facer unha actuación integral, para a fervenza e para Carboeiro, que reciben a milleiros de persoas cada ano”, engade.
No informe remitido o pasado inverso figuraban como actuacións apremiantes a reparación dun tramo con socavóns producidos polo paso de vehículos e acumulación de auga; a colocación de nova sinalización e de paneis informativos; ou o saneamento e taponado de grandes baches na pista que da acceso aos miradoiros, ao chegar ao lugar de Quintá.
Así mesmo, solicitouse o arranxo da escaleira que salva o desnivel entre a Fervenza e a Ponte de Ferro, a reposición de cancelas , ou a canalización de augas en varios puntos, preocupando tamén a situación de inseguridade que presentan as vallas rotas, en moitos casos pola caída de árbores.
Petición ao Adif
Por outra banda, o acondicionamento do sendeiro do Deza é outra das intervencións solicitadas dende o Concello hai meses ao Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif), dentro das medidas compensatorias propostas pola construcción do Tren de Alta Velocidade para o LIC Sistema Fluvial Ulla Deza.
En maio de 2013 pleno aprobou unha moción do grupo de goberno que reiteraba a necesidade de retomar estas acción, nas que se incluía ademais de diversas melloras no sendeiro e o seu entorno, a construcción dunha fonte e creación dun biotopo para pequenos anfibios ou a eliminación de especies exóticas dentro das franxas de vexetación de ribeira asociadas aos cauces do LIC.
Logo de recibir por parte do Adif comunicación das propostas a realizar, dende o Concello procedeuse a realizar unha revisión dos traballos indicados comprobando que non todos están feitos.
Entre as accións acometidas como medidas compensatorias figuran só o pintado da ponte de ferro, o reforzó de vallas nalgúns puntos do sendeiro e o repintado de sinais.
Así as cousas, o Concello de Silleda remitiu a principios de ano un informe ao Adif coas deficiencias observadas para solicitar que se retomen as actuacións.
“O sendeiro do Deza debe de considerarse dun xeito integral, contemplando accesos, sinalización ou miradores”, engade o alcalde “sabemos que é unha das asignaturas pendentes que temos, pero os prazos son os que son, aínda que trataremos de axilizar as actuacións o máximo posible”.
Preocupación pola Ponte do Demo
Cada ano, sobre todo na época estival, milleiros de persoas achéganse aos dous emblemas turísticos de Silleda: a fervenza do Toxa, a máis alta de Galicia en caída libre, e o mosteiro de Carboeiro. Dende o departamento de Turismo estímase que a media semanal de visitantes procedentes de Madrid, Barcelona ou Sevilla, ata a zona do sendeiro é de 100 persoas. “Ás veces pode que se leven unha mala imaxe dalgúns aspectos da zona, polo que dende o Concello vimos reclamando intervencións urxentes”, engade Cuíña.
No roteiro do Deza, ademais das actuacións puntuais propostas tamén hai outras que dan conta da apremiante situación na que se atopa o sendeiro intermunicipal. Así o mal estado da Ponte do Demo, unha das máis senlleiras e antigas sobre o Deza, segue a preocupar ao goberno local.
“Vimos reitando a falta de seguridade nesta ponte a distintos organismos, incluído Patrimonio, pero de momento seguimos sin ter resposta alguna sobre esta urxente actuación, debido ao progresivo deterioro desta ponte ubicada no entorno do mosteiro”, sinala.