O equipo de obras do departamento de xestión urbana está a traballar nesta contorna
O Concello de Silleda está a acondicionar estes días a contorna da praza da Igrexa de Silleda así como a área do parque infantil deste céntrico emprazamento. Nos últimos días retiráronse os setos a fin de deseñar unha nova zona axardinada neste enclave.
“Con esta actuación seguimos a mellorar esta praza de Silleda, onde nos vindeiros días logo da súa preparación por parte dos operarios municipais se procederá a plantar novas especies ornamentais que nos facilitará a Deputación de Pontevedra”, indica a alcaldesa e responsable de Xestión Urbana, Paula Fernández Pena.
Así mesmo, para a zona de xogos da praza o Concello xa conta cun proxecto para a renovación integral do parque, cun investimento de máis de 100.000 euros, que se acometerá en canto se dispoña da financiación necesaria.
As beirarrúas de Lamela, titularidade do Ministerio
Por outra banda, dende o goberno municipal ante as críticas nos medios á situación das beirarrúas de Lamela por parte do voceiro do PP, lémbraselle que éstas pertencen ao Ministerio de Transportes e Mobilidad , que xa as ten limpado e acondicionado en anteriores ocasións.
Dende o Concello xa se remitiu a petición o pasado mes de abril ao Ministerio e está previsto que se realicen nas vindeiras semanas.
“De todos os xeitos, lamentamos que o PP de Silleda sólo se centre nas de Lamela, porque tamén vimos de reclamar a limpeza doutras beirarrúas en lugares como A Mera, Silleda… e tamén Siador ou Laro, nestes dous últimos casos dependentes da Xunta de Galicia”, explica a alcaldesa.