-Os traballos están sendo realizados durante a quenda que lle corresponde da Mancomunidade Terras do Deza, e que continuará con actuacións en outros puntos do municipio
Silleda, 19 de abril de 2016. O Concello de Silleda, a través do departamento municipal de Obras e Servizos, que dirixe Klaus Brey, está a acometer traballos de reparación nunha pista no monte Mirallos, que une as parroquias de Chapa e Rellas. Esta actuación, que está previsto rematar nos vindeiros días, consiste na apertura e limpeza de cunetas, así coma no bacheado con zahorra, e realízase a través da quenda de maquinaria da Mancomunidade Terras do Deza que lle corresponde ao Concello que é de un mes e rematará a mediados do próximo maio.
O pisón, a pala, a motoniveladora e o camión da mancomunidade, xunto con operarios municipais , veñen traballando dende hai varios días neste lugar de Chapa, onde o vial se atopaba en moi malas condicións para o paso de vehículos.
Unha vez que rematen as obras en Mirallos está previsto que a maquinaria da Mancomunidade se traslade á parroquia de Manduas onde realizarán actuacións no lugar de Vilaverde para trasladarse despois á zona de Martixe.