– O convenio recolle accións para dotar aos puntos limpos de equipamentos para a recollida e clasificación de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos, (RAEE), así como formación para o persoal municipal vinculado á súa xestión
Silleda, 28 de abril de 2016. O Concello de Silleda vén de adherirse ao convenio de colaboración asinado entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Consellería de Medio Ambiente para a realizar accións de mellora nos puntos limpos e así cumprir cos requisitos de recollida, almacenamento e clasificación de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos establecidos no R.D. 110/2015 do 20 de febreiro.
Estas accións que recolle o convenio, financiadas con fondos FEDER e con outros propios da Xunta de Galicia consisten na instalación de medios para a pesada de RAEE, así como marquesiñas para o seu almacenamento, barreiras de estanquidade e beirís perimetrais, e carteis distintivos para as distintas fraccións dos residuos.
Así mesmo, o convenio contempla accións formativas para o persoal municipal vinculado á xestión dos puntos limpos, para que poidan acometer un tratamento axeitado dos residuos e dos RAEE en particular.
O acollemento a este convenio non suporá custe de ningún tipo para o concello.
Recollida de plásticos agrícolas
Noutra orde de cousas, o Concello de Silleda ven de rematar a primeira fase da oitava edición de recollida selectiva de plásticos agrícolas de silos e invernadoiros.
Esta campaña, a máis exitosa de cantas se levan programado, atendeu un total de 104 solicitudes, recollendo un volume total de máis de 77.300 quilos.
Destacan as recollidas en parroquias coma Escuadro, Laro, Graba, Parada e Cortegada, que supuxeron máis do 50 % da recollida total.
Dende o concello queren destacar o bo resultado da campaña promovida, superando todos os datos estatísticos dos últimos anos. De feito, rebasáronse as datas de recollida en tres días con respecto ás previstas.
Tamén agradecer a grande colaboración dispensada polos gandeiros e agricultores seleccionando os plásticos, eliminando o material impropio e situándoos en zonas que facilitaban a recollida do camión.
A próxima campaña realizarase no mes de outubro.