O Concello de Silleda adhirese ao novo convenio da Xunta para a xestión da biomasa nas faixas secundarias

Silleda, 5 de xaneiro de 2026.-  A Xunta de Goberno Local do Concello de Silleda aprobou a súa adhesión ao novo Convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e a empresa pública Seaga, orientado á consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

A adhesión de Silleda é posible grazas a que o Concello conta cun Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais aprobado polo Pleno o 28 de setembro de 2023. Esta planificación é un requisito imprescindible para incorporarse ao sistema público, que ten como obxectivo principal reducir o risco de incendios mediante a correcta xestión da biomasa vexetal nas zonas próximas aos núcleos de poboación.

Mediante a súa participación neste convenio, o Concello poderá: acceder a apoio técnico da Xunta para a execución subsidiaria de limpezas en parcelas de particulares en situación de incumprimento, así como realizar labores de limpeza en vías municipais ata un máximo de 12 km anuais.

Ademais, tamén poderá participar na selección de parroquias priorizadas para actuacións intensivas de prevención, segundo criterios técnicos de risco. Este convenio permite asímesmo solicitar apoio na subministración de especies vexetais que impidan a proliferación de árbores prohibidas, así como utilizar ferramentas tecnolóxicas como a plataforma Xesbio2 e a súa app móbil, para o seguimento das actuacións.

A alcaldesa  de Silleda, Paula Fernández, destacou que “a adhesión a este convenio reforza o compromiso do Concello coa prevención de incendios, coa seguridade da veciñanza e coa conservación do noso medio natural. Trátase dun instrumento que permite sumar esforzos entre administracións para actuar con maior eficacia e anticipación.”

O convenio representa unha oportunidade para mellorar a seguridade e resiliencia do territorio fronte ao cambio climático, minimizando os riscos asociados aos incendios forestais e fomentando unha cultura de corresponsabilidade entre administracións, propietarios de parcelas e a cidadanía.