
O Concello de Silleda vén de adquirir material e equipamento para varios departamentos municipais. Esta actuación acométese con cargo aos fondos que lle corresponden ao municipio polo Fondo de Compensación Ambiental, por acoller instalacións como os parques eólicos.
Así, nesta adquisición de equipamento inclúense varias dotacións que virán a reforzar e mellorar os servizos municipais. Así, mercáronse xa dous novos vehículos cortacéspede, un deles dos denominados “xiro cero”, para facilitar o traballo en grandes áreas; tamén se mercará unha desbrozadora e un soplador, para renovar equipamentos.
A nova dotación inclúe tamén un cepillo lateral desbrozador para acoplar á varredora. Con este dispositivo búscase garantir a elimininación eficiente e sustentable de vexetación no desexada nas beirarrúas das vilas de Silleda e da Bandeira, reducindo ademais a necesidade de mantemento manual intensivo e eliminando a pegada de carbono asociada a estas tarefas.
A adecuada conservación dos espazos verdes municipais permite que a cidadanía poida desfrutar destes lugares para actividades recreativas como paseos, deporte ao aire libre e encontros sociais. Ademais, manter estes espazos en boas condicións facilita o seu uso con fins didácticos, promovendo a educación ambiental en centros escolares e colectivos cidadáns.
“A adquisición do antedito equipamento supoñerá a promoción da sustentabilidade a nivel municipal”, indica a alcaldesa, Paula Fernández, que recibiu xunto co personal municipal o material, adxudicado mediante procedemento de contrato menor a Comercial Iglesias por importe total de 13.092,20 euros.
