A actuación, financiada con cargo ao Plan +Provincia, permitirá seguir avanzando na posta ao día de catro espazos clave para a vida social e comunitaria do rural
Silleda, 26 de marzo de 2026. O Concello de Silleda vén de adxudicar as obras de mellora dos centros sociais de Piñeiro, Lamela, Curro e Moalde, unha actuación coa que o goberno municipal continúa avanzando na renovación e adecuación de equipamentos fundamentais para a dinamización da vida veciñal nas parroquias.
A intervención foi adxudicada á empresa Construcciones y Obras Taboada Ramos SLU por un importe total de 54.054,42 euros, IVE incluído, e executarase con cargo á Liña 1 do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra. O proxecto contempla actuacións concretas en catro inmobles de titularidade municipal que teñen un papel esencial como puntos de encontro, convivencia e desenvolvemento de actividades sociais, culturais e comunitarias no rural.
As obras previstas permitirán actuar de maneira específica segundo as necesidades de cada espazo. Así, no centro social de Piñeiro acometerase a revisión da cuberta, o pintado da cociña, a substitución do quentador e a renovación das carpinterías exteriores. No de Lamela levarase a cabo a reorganización dos aseos para mellorar a accesibilidade, así como a adecuación da cociña mediante pintado, falso teito e novo mobiliario. No local social de Curro, na parroquia de Cira, realizaranse traballos de colocación de tella na cuberta, pintado xeral e reparación da balaustrada da parcela. No caso de Moalde, as actuacións centraranse na conservación das fachadas e na revisión da cuberta.
A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, subliña que esta adxudicación “supón un novo paso no compromiso do goberno municipal coa mellora continua dos espazos públicos das parroquias, que son unha peza clave para manter viva a actividade social e comunitaria no rural”.
Fernández engade que “os centros sociais son moito máis ca edificios: son lugares de encontro, convivencia e participación veciñal, e por iso é fundamental que estean en boas condicións, adaptados ás necesidades actuais e preparados para seguir acollendo actividade”.
A rexedora destaca ademais que o executivo local continúa a traballar “con feitos e con investimentos reais para atender demandas que a veciñanza vén trasladando, actuando de maneira planificada e chegando a distintas parroquias do municipio”.
Nesta liña, sinala que “mellorar os equipamentos do rural é tamén apostar pola igualdade entre territorios, por ofrecer servizos e espazos dignos en todas as parroquias e por contribuír a fixar poboación e reforzar a cohesión social”.
O goberno municipal enmarca esta actuación na súa folla de ruta para seguir mellorando infraestruturas e servizos públicos tanto no casco urbano como no rural, cunha atención especial aos espazos de uso comunitario. O proxecto foi presentado xa na localidade de Piñeiro, nunha xuntanza cos veciños e veciñas na que se analizaron tamén as melloras viarias realizadas recentemente, así como outras que se incluirán no próximo programa de actuación de viarios (caso da pista de Castromonde) e se recolleron outras demandas.
