– A actuación que se levará a cabo no pavillón polideportivo da Bandeira está cofinanciada polo Programa Leader a través do GDR Terras de Pontevedra Norte. O investimento total é de 89.045,39 euros. Adxudícase á empresa Construcciones Míguez Xestoso
– Por outra banda, a renovación dos vestiarios e baños do pavillón César G. Fares e o campo de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato está adxudicada a Urbanismo Técnico Sostible SL, cun investimento de 102.729 euros
Silleda, 26 de outubro de 2023. O Concello de Silleda vén de adxudicar as obras que se realizarán para mellorar tres infraestruturas municipais. Trátase dos vestiarios e aseos do pavillón polideportivo municipal da Bandeira, un espazo situado entre o CEIP Ramón de Valenzuela e o recinto das piscinas municipais.
A empresa á que se adxudican as obras é Construcciones Míguez Xestoso. O investimento é de 89.045,39 euros, dos que o 50% se financiarán a través do Programa Leader do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia, a través do GDR Terras de Pontevedra Norte, como proxecto non productivo. O 50% restante financiarase con fondos municipais.
Esta actuación busca mellorar a accesibilidade e renovar estas dependencias do pavillón, moi utilizado ao longo de todo o ano.
Así, o proxecto contempla a construción de novos aseos e vestiarios reubicándoos á entrada do pavillón, ao lado da porta principal. Deste xeito cumprirán cos actuais requerimentos de accesibilidade para garantir o uso e desfrute do espazo por parte de todas as persoas usuarias, ademais de mellorar a eficiencia enerxética substituíndo os vellos quentadores por un sistema de aerotermia.
Tamén está a renovación dos vestiarios e baños das outras dúas instalacións deportivas: o pavillón César G. Fares e o campo de fútbol de Outeiriño-Joselu Mato, cun investimento de 102.729 euros. Neste caso, esta actuación está adxudicada á empresa Urbanismo Técnico Sostible SL.
“Con estas dúas actuacións continuaremos mellorando as moitas infraestruturas deportivas e sociais cas que conta o Concello de Silleda”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.