Silleda, 9 de xullo de 2015. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña Fernández, asinou hoxe con responsables de Abanca o contrato para rebaixar o tipo de interese anual do préstamo que o Concello mantén con esta entidade.
Este crédito, solicitado no ano 2005, situábase a finais do ano 2014 en 966.114,67 euros. Contaba cun tipo de interese anual do 2,7 por cento, “cantidade que coa operación que negociamos e que asinamos xa hoxe se rebaixa ao 1%”, indica o alcalde.
Con esta negociación, as arcas municipais de Silleda aforrarán 100.000 euros no pago deste préstamo. “Pasaremos de pagar 162.000 a 62.000 euros, o que supón un considerable aforro para o Concello de Silleda”, indica o alcalde e responsable municipal de Facenda.
Cuiña, que xa adiantara no pleno da semana pasada no que se aprobaron os orzamentos, a negociación entre o Concello e Abanca, destaca “que con esta xestión conseguimos nun só día un aforro que supera a cantidade que supoñen as dedicacións deste goberno municipal”, engade o rexedor.
O alcalde lembra que este préstamo, foi un dos dous solicitados no ano 2005 a “un prazo de 20 anos, un despropósito que veu a hipotecar aínda máis a economía municipal”, explica.
Cuiña indica que esta operación, asinada hoxe xunto co Interventor municipal e responsables de Abanca, “súmase a outras xestións realizadas dende o goberno para encauzar a difícil situación económica que atravesaba este Concello nos últimos anos”, engade.
Así, o alcalde lembra “que para este ano contaremos con unha inversión municipal histórica, que supera os 1,2 millóns de euros, algo que non sería posible se non puxeramos en orde as contas, xestionando rebaixas coma esta e aplicando a filosofía do aforro en todas as accións municipais”, engade.
Así mesmo, Cuiña indica que continuará negociando coas entidades bancarias condicións máis vantaxosas “en beneficio do interese público e sempre pensando no aforro que nos permitirá ter unha maior capacidade á hora de atender inversións e servizos para os nosos veciños”, remata.