O Concello de Silleda amortizará un dos créditos do Plan de Axuste grazas á boa situación económica municipal

Silleda, 23 de marzo de 2019.  O Concello de Silleda amortizará un dos dous créditos do Plan de Axuste ao que se tivo que someter o municipio no ano 2012. O goberno municipal levará ao vindeiro pleno ordinario, convocado para o vindeiro luns día 1 de abril, un expediente de modificación de crédito co que se finiquitará o préstamo de 38.014 euros solicitado no seu día.

Esta será a primeira vez que o Concello de Silleda amortice débeda municipal co remanente de tesourería, “algo que é posible grazas á boa xestión económica dos últimos anos que nos permite, ademais de afrontar inversións, ter un saldo positivo para afrontar este tipo de pagos”, explica o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña.

Esa medida imposta dende o Goberno central para o periodo 2012-2022 supuxo a adopción de diversas medidas de carácter económico e un endebedamento en dúas fases, -do chamado plan de pago a proveedores- cun crédito de algo máis de 1,1 millóns de euros e outro de 38.014 euros, implicando unha serie de medidas cada un deles.

 

Este plan  implica tamén cuestións como que non se poidan realizar novas contratacións de personal, nin cubrir por exemplo vacantes por xubilacións durante a vixencia destas medidas, derivadas do Real Decreto Lei 4/2012.

O rexedor advirte que, “aínda que a cantidade é simbólica, esta operación permitirá ao Concello de Silleda quitarse de enriba un dos dous créditos que nos vimos obrigados a solicitar co Plan de Pago a Proveedores  en base ao plan de axuste ao que quedamos sometidos hai sete anos”.

“Grazas á xestión realizada neste e no anterior mandato, e á contención no gasto, a situación económica do Concello de Silleda cambiou por completo, tal e como se vén desprendendo das liquidacións orzamentarias dos últimos anos”, explica o rexedor.

Na de 2018, as contas pecháronse cun superávit de 373.780,17, e tamén cun remanente de tesoureira (con cago ao que se pode amortizar agora o préstamo) de máis de 400.000 euros.

“Os números vermellos desapareceron das contas municipais en Silleda. E a día de hoxe, ademais de afrontar investimentos podemos liquidar préstamos en base aos bos resultados, en lugar de pedir outro crédito como se ten feito noutros tempos”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.