O goberno municipal presentará unha iniciativa á convocatoria para actuación de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e a sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000
Silleda, 13 de febreiro de 2024. O Concello de Silleda aposta por continuar poñendo en valor as áreas naturais do municipio. Así, e no marco da convocatoria das axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) , presentará unha iniciativa para actuar na zona de Pozo do Pego, na parroquia de Vilar
Trátase dunha fermosa zona á beira do Deza , nun tramo onde o río anchea entre Vilar e Noceda, xa no municipio de Lalín.
Ademais deste remanso, a área conta na zona máis estreita cun fermoso salto de auga onde se atopan unhas antigas tostas.
A proposta do Concello de Silleda pasa por sinalizar dende Vilar a chegada a esta área natural, na que está previsto realizar unha intervención mínima para mellorar o tramo de acceso final, e limpar e mellorar o acondicionamento da área recreativa xa existente.
Esta mañá a alcaldesa, Paula Fernández, e a tenente de alcaldesa, Mónica González, visitaron a zona na que se pretende acometer esta actuación.
“Comezaremos ca sinalización e unha pequena intervención para mellorar os accesos, co obxectivo de poner en valor e dar a coñecer esta fermosa área fluvial ca que contamos no municipio de Silleda”, explica Fernández Pena.
Tamén está previsto seguir acometendo melloras en outras áreas fluviais como a Xunta dos Ríos de Cira, ca renovación do mobiliario existente e a continuación das melloras iniciadas co programa Deza Circular.