- A Xunta de Galicia emitiu un informe favorable sobre a memoria ambiental, trámite que faltaba para levar a cabo esta aprobación
- O venres celébrase un pleno extraordinario no que o Plan se someterá a aprobación provisional como único punto a tratar
- “Hoxe é un día histórico para o pobo de Silleda, porque se cumpre o que era a promesa máis importante desta e da anterior lexislatura”, comenta o Alcalde
Silleda, 16 de marzo de 2016. O Alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, ven de convocar un pleno extraordinario para este venres día 18, no que se tratará como único punto a aprobación provisional o Plan Xeral de Ordenación Municipal, logo de que hoxe se recibira comunicación da Xunta de Galicia informando favorablemente sobre a memoria ambiental do documento, último requisito necesario para a aprobación do Plan. A sesión terá lugar no salón de plenos do concello ás 12.30 horas.
“Este é un día histórico para Silleda”, comenta Manuel Cuíña, “é unha grande satisfacción para min que despois de moitos meses de traballar incansablemente poidamos cumprir a promesa máis importante de esta e da anterior lexislatura”, continúa o rexedor, referíndose ó que califica como “o proxecto máis importante e máis desexados dos últimos 30 anos neste concello”.
“A aprobación do PXOM suporá a recuperación da construción no rural, o que repercutirá tamén no aumento de poboación e de postos de traballo”, engade o alcalde.
A tramitación do Plan Xeral en Silleda, iniciada no ano 1998, veuse parada anos máis tarde baixo o mandato do Popular José Fernández Viéitez, e retomouse no 2007 coincidindo ca entrada do goberno socialista, presidido por Paula Fernández Pena. Dous anos máis tarde, con motivo da moción de censura promovida contra o goberno, o proxecto volveu a quedar estancado, e non foi ata finais do ano 2010 cando se retomou de maneira definitiva.
Logo da aprobación inicial do PXOM nun pleno da corporación municipal en decembro do 2012, iniciouse un período de información pública exemplar no que, ademais de esgotar os dous meses de prazo estipulados, o goberno levou o PXOM por tódalas parroquias, explicando os contidos e aclarando as dúbidas sobre o mesmo.
Da mesma maneira, tamén se mantiveron reunións con todos os portavoces da oposición, para analizar e dar resposta ás 783 alegacións que veciños, propietarios, ou colectivos presentaron ó documento urbanístico, e que foron respostadas de xeito individual e personalizado.
A aprobación do PXOM quedaba despois de todos estes trámites, suxeita ós informes favorables por parte de Patrimonio e ó recibido hoxe por parte da Consellería de Medio Ambiente.
“Despois da aprobación provisional deste venres so nos queda agardar que a Xunta resolva sobre a aprobación definitiva no menor prazo de tempo posible, para que así o documento poida entrar en vigor”, engade o alcalde, que tamén quere “agradecer o grande esforzo que se fixo por parte de tódalas administracións estas últimas semanas, para que se puidera aprobar o PXOM este próximo venres, antes de que o sábado saia publicado no DOGA a nova Lei do Solo, posto que o que implicaría ter que adaptar o PXOM ás novas determinacións que alí se sinalan, acarreando un novo retraso a engadir ós que xa se levan arrastrando e sen prexuízo de que esas adaptacións á nova lei se fagan a posteriori”.