Silleda, 11 de xuño de 2016. O Concello de Silleda vén de arranxar nos últimos días unha pista de monte, no lugar de Cortegadela, parroquia de Cortegada.
Esta reparación, feita en colaboración cos veciños da zona, era moi demandada por estar o vial intransitable. Así, e durante o turno correspondente da maquinaria da Mancomunidade arranxouse esta pista, que da acceso a varias fincas.
Os veciños do lugar de Cortegadela, moi agradecidos, achegáronse xunto co alcalde, Manuel Cuíña, e o edil de obras, Klaus Brey, a visitar as obras xa finalizadas dunha vella demanda á que por fin se lle dou solución.
O rexedor agradece tamén a participación dos veciños que colaboraron na realización de obras, “Esta fórmula de colaboración vense realizando noutros puntos do noso rural. A colaboración dos veciños é clave para poder sacar adiante melloras coma esta de Cortegada”, explica o alcalde.
Esta actuación súmase á mellora da rede viaria que se ven realizando no municipio “para arranxar as deficiencias existentes e responder ás demandas veciñais”, engade Cuiña.
Bacheo en Fiestras
Así mesmo, a Concellería de Obras e Servizos continúa acometendo novos bacheos polo rural.
Estes días a brigada municipal está a prestar o servizo en viais da parroquia de Fiestras, e continuarán nos vindeiros días en outras zonas do municipio.
Para dar cabida á grande demanda de reparación de pistas que hai este ano, despois dun inverno de condicións meteorolóxicas moi duras, e debido tamén á grande de pistas coas que conta o municipio, (1.000 km.) no rural, estase a facer unha primeira ronda de arranxos por todo o concello, para atallar así a maior parte dos casos. Prevese despois facer unha segunda pasada por lugares onde se precise maior atención.