-Seguindo a liña de adoptar medidas preventivas, como se vén facendo dende o inicio da pandemia, e á vista de que entre as persoas afectadas hai menores, optouse por cancelar todos os actos previstos dende hoxe mesmo
Silleda, 29 de decembro de 2021. O goberno municipal de Silleda, á vista do aumento da incidencia da Covid 19, decidiu esta mañá cancelar a celebración de todas as actividades previstas no programa de Nadal 2021-22.
“Por responsabilidade e seguindo a liña de decisións que adoptamos dende o inicio da pandemia, decidimos suspender as actividades previstas xa dende hoxe”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, lembrando ademais que entre as persoas afectadas hai varias menores de idade.
Así, non se celebrarán nin os xogos tradicionais, nin a festa infantil de fin de ano, a carreira de San Silvestre ou o concerto de ano novo, entre outros. Tampouco se celebrará a tradicional Cabalgata de Reis, a actividade que máis persoas congrega de toda a programación.
Neste sentido, dende o goberno indícase que a recomendación da Xunta sobre a celebración de “cabalgatas estáticas” é cando menos máis difícil de asumir á hora de garantizar que a xente garde as distancias.
“Lamentamos as molestias ocasionadas ca cancelación dun programa no que hai moito traballo detrás, pero nestes momentos a saúde é o primeiro”, indica o alcalde desexando unha pronta recuperación a todas as persoas afectadas polo virus.
Sí se mantén o campamento de Nadal do Servizo Lúdico e o servizo de Ludoteca que se está a ofertar durante as vacacións escolares.