Silleda, 11 de agosto de 2016. O Concello de Silleda vén de asinar esta mañá un convenio de colaboración con Cáritas Interparroquial para o uso dun local de propiedade municipal, sito na Rúa Campo de Arriba, nun dos baixos do edificio de vivendas de Protección Autonómica.
O acordo formalizouse coa firma dun documento entre o alcalde, Manuel Cuíña, e José Pérez Barreiro, párroco do municipio trasdezá, e representante de Cáritas Interparroquial de Silleda, que permitirá o uso e disfrute das instalacións por parte da entidade de acción social durante un ano, prorrogado automáticamente ano a ano salvo notificación de algunha das partes.
Este acordo permitirá a Cáritas Interparroquial empregar o local de forma gratuíta como almacén para as súas actividades, e para o exercicio dos fins para os que está creada.
Pola súa parte, o Concello de Silleda farase cargo dos gastos de enerxía eléctrica, así coma do mantemento e reparacións ordinarias que poidan xurdir no inmoble.